jueves, 20 de mayo de 2010

2 homes e 1 suicidio

A fin de semana do 22 e 23 de maio dará comenzo a rodaxe da curta da fenesa Iria López. Trasladarase xunto ó seu equipo ata o Faro de Punta Frouxeira en Valdoviño. Alí empezará a tomar vida a historia de "Dous homes e un suicidio", unha peza de ficción en clave de humor negro, na que dous homes intentan suicidarse no mesmo sitio e isto detona unha serie de enredos por disputar o espazo. Un dos actores protagonistas é o xa consagrado Vicente Souza e o outro Jorge Casas, da escola naronesa de actores, integrante do grupo de Teatro "Os Gazafelhos".
Unha única localización, un escenario exterior e natural, onde se misturan os camiños de Samuel e Ricardo.

Fotografías das localizacións en Valdoviño.

martes, 18 de mayo de 2010

Paixón por Ferrol


¿Qué é o que ten a Semana Santa ferrolana para xerar tanto interese?, ¿Acaso neste lugar existe unha especial devoción que non se da noutros lugares? O visitante que chega á cidade trata de descubrir isto. Cada ano saen as procesións a percorrer as rúas, e os fieis e curiosos acompañan nun acto tradicional, pero ¿que hai dos novos? ¿como se compaxina unha tradición solemne cas ganas de diversión da xente nova?

Deste contraste sae esta historia documental, de descubrimento e exploración, da forma de ser e na transmisión cultural entre avós, pais e fillos.

Aquí podedes ver unhas fotos da rodaxe de "Paixón por ferrol", que se gravou entre finais de marzo e principios do mes de abril e que agora se atopa en fase de postprodución.









viernes, 14 de mayo de 2010

Looking for waves

O surfer é unha nova especie de nómada deportista, que viaxa por todo o mundo practicando un deporte que consiste en agardar o momento exacto para "coller" a mellor onda e deslizarse sobre ela o maior tempo posible.



Non tódalas praias resultan axeitadas para esta práctica, pero Pantín, durante uns días, converte a Galicia en centro das olladas de todo o mundo por un deporte que cada vez gaña máis adeptos.
Afeccionados e profesionais homenaxean a esta praia competindo e surfeando en comunión coa natureza.

Foi ó remate do verán cando se gravou esta curta documental, época na que ten lugar o Pantín Classic, unha proba valedeira para o campionato mundial, celebrada desde hai máis de 20 anos.

jueves, 6 de mayo de 2010

Así vai a cousa....

Laura Menéndez está a rematar a rodaxe da súa documental promocional "Melódica Ártabra", despois de percorrer as comarcas das Rías Altas coñecendo os grupos musicais que están traballando no lugar. O folk tradicional de Moeche, o funk aloucado de Ferrol ou a mestizaxe de Pontedeume mostran unha parte do variopinto tecido musical das comarcas. "O principio tiña medo de que estiveran tensos e dicíalles que foran eles mesmos", así explicaba Laura como tentaba romper o xeo cos entrevistados, "tiven a sorte de conseguir que foran espontáneos e me amosaran un pequeno territorio cunha gran algaravía musical". Así teceu unha ruta festivaleira onde se amosa a inquietude dos organizadores de festivais como o Felipop ou o Festival Irmandiño.

Con Balakandra











Con Fukin' Funkys

miércoles, 24 de marzo de 2010

Seis realizadores galegos preproducindo

Como prometimos, aquí vos presentamos os que serán os directores das pezas audiovisuais, todos eles curtametraxistas galegos consolidados con apego ás tres comarcas galegas.

Mario Iglesias

Entre as súas obras destacan as multipremiadas curtametraxes "Corten", "Intensidade" e "Nais". Gañador no 2004 do certame Notodopublifest, de Notodo.com. Obtivo o premio Mestre Mateo 2006 por mellor montaxe por "De bares".






Iria López
Natural de Fene, traballou como técnico de posprodución en varias obras de Jorge Algora como "Camiño de Santiago, a Orixe" e "Mentíndolle á vida". No 2006 e 2007 dirixiu varios documentais: "Dando a nota", "De cores" e "Bandeiras interiores".





Álvaro Liste

Produtor independente dende o 2006. Realizou varios vídeos para a web "ensaio.org". Na actualidade é socio fundador e produtor da empresa GSEISAUDIOVISUAIS e produce documentais para a TVG.






Omar Rabuñal

Dirixiu e actuou en varias curtametraxes e mediametraxes, obtendo no 2005 o 2º premio do "Sestao Fantástico" con "O Intruso" e un ano despois con "Mira e verás!"gañou o primeiro concurso de curtametraxes feitas con mobil, "Mobilízate", dentro do certame Nova Factory.





Miguel García

No 2008 realizou a produción executiva da curta "Houston" en colaboración do Festival de Cans. Nese mesmo ano realizou a obra experimental "Ferro ardendo" sendo productor, guionista e co-director da mesma.






Laura Menéndez
Licenciada en Comunicación Audiovisual, realizou diversos proxectos, entre eles "Hola Salamanca", documental de promoción turística e didáctica encargado pola Universidade de Estudos Extranxeiros de Kyoto.

martes, 23 de marzo de 2010

Benvidos!


Ola a todos!

Neste blog teredes un primeiro contacto coas rodaxes que se van desenvolver dentro do proxecto "Chámalle Como Queiras", e que se levarán a cabo nas comarcas de Ferrol-Ortegal-Eume.

En total seis curtas da man de seis curtamtraxistas galegos que participan neste proxecto. Seis historias diferentes que tentarán transmitir todo o carácter singular e cheo de contrastes destas comarcas rebosantes de natureza, todo co obxectivo de potenciar o seu entorno.



Próximamente desvelaremos información sobre os directores da curtas!



--